Imaxes dalgunhas das exposicións abertas nesta Semana Cultural:
Primeiros pasos, de Amparo Fernández (Kaori), con obras desta ex-alumna, que está a rematar actualmente o bacharelato de artes en Compostela
Sentindo o mar (Unha historia de cronopios), unha aproximación ás vangardas e a Cortázar, que inclúe creacións do alumnado da Escola Infantil de Vilariño e mais do colexio Fernández Varela, ambos d’A Pobra
Especies ameazadas e Áreas mariñas protexidas, organizadas polo Departamento de Bioloxía con material do CEIDA
Expotabarra (a revista do IES ao longo do tempo), un percorrido pola memoria do centro desde os primeiros números, a multicopia, d’A Tabarra, ata as actuais edicións dixitais.
Abre os álbums. As súas imaxes pódense ampliar con dobre clic.
Por iniciativa do Departamento de Lingua galega e desde o Ámbito sociolingüístico, quixemos ampliar as perspectivas sobre o centro e sobre o ensino, situarnos no futuro do pasado para entender mellor o presente deste instituto. Tratábase de aproveitar o noso vinte e cinco aniversario para abrir e conectar a aula co exterior, a historia recente colectiva coa individual, os afáns do alumnado cos do profesorado.
Entrevistamos, entón, aos dous profesores que levan no centro desde a súa apertura, María Xosé Fernández Cid e José Maneiro, e que, polo tanto, nos podían dar unha perspectiva máis ampla, á profesora deste claustro que tamén pasou polo instituto como alumna, Carmen Giménez, e a oito ex-alumnos de diferentes promocións que actualmente desempeñan profesións ben diversas. Entrevistámolos para coñecer puntos de vista variados sobre a evolución e o funcionamento do centro, sempre buscando extraer contrastes e olladas críticas. Aprendemos
a valorar o esforzo de todos na mellora do ensino que se imparte aquí, pero tamén atopamos moitas razóns que apoian o desexo compartido de termos, os alumnos, máis co-responsabilidade, máis medios, máis profesorado, menos atrancos na aprendizaxe.
Por quinto ano consecutivo, o noso IES vén desenvolvendo unha Semana Cultural que concentra múltiples e variadas actividades educativas, na procura de promover a participación, a creación, a reflexión, a descuberta… e tamén o uso normal do galego.
Algunhas desas actividades están a ser recollidas na páxina do Centro e mais na Galería de imaxes e os froitos creativos do Certame A Caramiña serán publicados en breve neste espazo. O acto de peche, no que se fallaron os distintos premios convocados, recolleuno o xornal de maior difusión deste xeito.
Tal evento supón un impulso colectivo dinamizador que hai que sumar ás charlas, exposicións, saídas para asistir a representacións teatrais, etc. que se desenvolven durante todo o ano. Así, por exemplo, o próximo martes 14 contaremos coa presenza da profesora Pilar Ponte e mais de integrantes do Colectivo Aturuxo para realizar unha charla-coloquio sobre Iniciativas que crean redes. Alí estará tamén A Tabarra.
Comentarios recentes