Remata o curso e a nosa revista volve, nunha edición especial en papel e a toda cor, para conmemorar o XXV aniversario do centro e da propia publicación. RECOLLÉDEA CANTO ANTES NA CONSERXARÍA!
NON AGARDEDES A QUE SE ESGOTE!
BOAS VACACIÓNS!
O claustro do Ies da Pobra do Caramiñal aprobou, segundo votación realizada na reunión do día 16 de novembro de 2010, por maioría absoluta (34 votos a favor, 13 abstencións e 5 en contra) que quere manifestar a súa solidaridade co alumnado e profesorado que puidesen resultar afectados polo seu rexeitamento ao decreto de plurilingüismo.
Tomamos esta postura baseándonos nos seguintes argumentos:
1. Consideramos que este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado. É lesivo porque a pesares de que desde a incorporación do galego ao ensino se produciu un significativo avance na competencia oral e escrita; e aínda co paulatino avance do uso do idioma galego como lingua vehicular no ensino, non se impediu a alarmante diminución de galegofalantes nas últimas décadas. O decreto aprobado, lonxe de corrixir, agravará esta situación, pois céntrase nun pretendido “equilibrio” entre ambas linguas no sistema educativo, esquecendo o forte desequilibrio en contra do galego no resto dos ámbitos.
2. As consecuencias do decreto son especialmente graves na etapa infantil, pois significará que en contornos urbanos e vilegos o contacto dos nenos e nenas co galego sexa practicamente anecdótico
3. Este decreto supón, na práctica, o desterro universal do galego de amplas áreas do coñecemento, singularmente as Matemáticas, Física e Tecnoloxía, e bota por terra todo o esforzo desenvolvido durante todos estes anos tanto na elaboración de materiais didácticos e construción de vocabulario específico (que se non é nas aulas dificilmente será adquirido noutros ámbitos) como na superación de prexuízos para seren utilizados.
4. Como consecuencia deste decreto, diversas editoriais xa se teñen posto en contacto cos departamentos afectados para anunciar que non publicarán material didáctico en galego para estas disciplinas. Isto contrasta coa ampla presenza que, no pasado, tiña o material escrito en castelán nas areas que tiñan que ser impartidas en galego.
5. Con esta nova norma aliméntase o prexuízo instalado en parte da sociedade de que o galego non é apto para ser usado en determinados ámbitos do coñecemento, que ademais son os de maior prestixio social na actualidade.
6. A nova normativa complica a vida organizativa dos centros, apartando os esforzos dos verdadeiros problemas pedagóxicos, e trasladando á comunidade educativa unha absurda guerra entre linguas.
En definitiva, este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado, para o idioma galego, para a industria cultural do País, para os pais e nais, para os centros, para a docencia, para o profesorado implicado e, por suposto, para toda sociedade galega. É por isto que apoiamos e solidarizámonos co profesorado que nun acto de dignidade persoal e de preocupación polo alumnado e pola cultura galega vai seguir impartindo as súas clases en galego.
Poderá participar todo o alumnado matriculado no Centro, de maneira individual ou en grupo.
A creación consistirá nun marco para bordear o conxunto dos meses dun calendario da aula e mais nun lema que o acompañe.O marco, de temática e forma libres, pode ser un debuxo inédito, unha imaxe propia ou calquera composición orixinal. Poderá ocupar a totalidade ou parte da folla do calendario, mais sempre deixando un amplo espazo baleiro no que se incrustarán, en caso de obter o premio, os meses.O lema, que se situará de maneira ben visíbel sobre o marco, terá como finalidade o fomento do uso do galego e basearase nos beneficios do seu coñecemento e práctica desde o ensino, na oportunidade de desenvolver competencias e o multilingüismo desde o galego. Un exemplo: Desde o nós a máis linguas
Realizarase, a man ou con impresión e sen asinar, nunha cartolina de tamaño DIN A-3
Entregarase na Aula de Informática do Aulario II no segundo recreo de calquera luns ou xoves ata o remate do prazo, que será o 4 de novembro. A cartolina irá acompañada dun sobre pechado no que se recollan os datos do(s) autor(es), cando menos nome e curso.
Establécese un único premio, dotado con 30 €, aínda que o xurado pode estimar conveniente que sexa compartido. A composición gañadora poderá ser posteriormente asinada e será publicada e distribuída polas dependencias do Centro.
O xurado estará constituído por diferentes membros do Equipo de Dinamización, profesorado, alumnado e persoal non docente. Non formará parte del a persoa encargada de recoller as creacións.
A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DA POBRA DO CARAMIÑAL
Ante a publicación por parte do Consello da Xunta das “Bases do decreto de plurilingüismo” e ante a convocatoria de folga xeral no ensino para o xoves 21 de xaneiro, membros do ENDL queren transmitir as seguintes consideracións.
Este borrador de decreto supón o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas lexislativas e de promoción do galego, tal como esixe o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, trasladándolle esta responsabilidade aos centros de ensino e ás familias.
Sen ningunha dúbida, a aplicación deste proxecto suporía crear conflitos e tensións na comunidade educativa, división social e diferenzas educativas que nos prexudicarían a todos.
Preténdese equiparar, como lingua vehicular do ensino, o galego, o castelán e o inglés. No caso das dúas linguas oficiais, é unha medida discriminatoria ao haber unha situación social de fonda desigualdade a favor do castelán. Pola súa parte, equiparar o inglés coas linguas oficiais é de dubidosa legalidade e traerá como consecuencia o incremento do fracaso escolar. Hai outras opcións, máis viables e efectivas, para mellorar as competencias en linguas estranxeiras, que, curiosamente, non se atenden e mesmo se reducen.
Ademais, de acordo cos estudos máis rigorosos, a competencia comunicativa do alumnado mermaría ao ser imposible acadar destrezas suficientes na lingua galega, base dun verdadeiro plurilingüismo. A Lei Orgánica de Educación establece que ao final de cada etapa educativa o alumnado debe desenvolver competencias parellas nas dúas linguas oficiais, obxectivo que non se cumpriría coa redución do galego ao 33% das horas lectivas como lingua vehicular que se recolle neste borrador.
Unha agresión á nosa identidade coma esta é aínda máis grave ao ser o propio goberno autonómico quen a realiza, cando está obrigado a manter a progresividade no amparo institucional ao idioma propio de Galicia, como recolle toda a normativa ao respecto, aprobada por consenso nestas últimas décadas, e cando os datos sociolingüísticos indican que se produciu nese período un acentuado retroceso no uso do galego como lingua inicial.
Por todo isto, diferentes membros do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística entenden que é preciso secundar a folga do día 21 e sumarse ás mobilizacións previstas para ese día.
Do sempre recomendábel programa Ben Falado!, salientamos aquí o capítulo adicado ao mundo da xustiza, un dos sectores máis castelanizados polo poder durante os cinco séculos de imposición centralista. Antes diso, na Idade Media, a xustiza empregaba o galego de xeito pleno e normal; e na actualidade hai movementos importantes de impulso da lingua galega neste ámbito: o Consello da Avogacía galega, a Irmandade Xurídica Galega, etc. Aínda son pasos insuficientes para garantir os nosos dereitos, pero en todo caso constitúen a mostra dunha normalidade necesaria e perfectamente posíbel.
Comentarios recentes