|
|
O claustro do Ies da Pobra do Caramiñal aprobou, segundo votación realizada na reunión do día 16 de novembro de 2010, por maioría absoluta (34 votos a favor, 13 abstencións e 5 en contra) que quere manifestar a súa solidaridade co alumnado e profesorado que puidesen resultar afectados polo seu rexeitamento ao decreto de plurilingüismo.
Tomamos esta postura baseándonos nos seguintes argumentos:
1. Consideramos que este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado. É lesivo porque a pesares de que desde a incorporación do galego ao ensino se produciu un significativo avance na competencia oral e escrita; e aínda co paulatino avance do uso do idioma galego como lingua vehicular no ensino, non se impediu a alarmante diminución de galegofalantes nas últimas décadas. O decreto aprobado, lonxe de corrixir, agravará esta situación, pois céntrase nun pretendido “equilibrio” entre ambas linguas no sistema educativo, esquecendo o forte desequilibrio en contra do galego no resto dos ámbitos.
2. As consecuencias do decreto son especialmente graves na etapa infantil, pois significará que en contornos urbanos e vilegos o contacto dos nenos e nenas co galego sexa practicamente anecdótico
3. Este decreto supón, na práctica, o desterro universal do galego de amplas áreas do coñecemento, singularmente as Matemáticas, Física e Tecnoloxía, e bota por terra todo o esforzo desenvolvido durante todos estes anos tanto na elaboración de materiais didácticos e construción de vocabulario específico (que se non é nas aulas dificilmente será adquirido noutros ámbitos) como na superación de prexuízos para seren utilizados.
4. Como consecuencia deste decreto, diversas editoriais xa se teñen posto en contacto cos departamentos afectados para anunciar que non publicarán material didáctico en galego para estas disciplinas. Isto contrasta coa ampla presenza que, no pasado, tiña o material escrito en castelán nas areas que tiñan que ser impartidas en galego.
5. Con esta nova norma aliméntase o prexuízo instalado en parte da sociedade de que o galego non é apto para ser usado en determinados ámbitos do coñecemento, que ademais son os de maior prestixio social na actualidade.
6. A nova normativa complica a vida organizativa dos centros, apartando os esforzos dos verdadeiros problemas pedagóxicos, e trasladando á comunidade educativa unha absurda guerra entre linguas.
En definitiva, este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado, para o idioma galego, para a industria cultural do País, para os pais e nais, para os centros, para a docencia, para o profesorado implicado e, por suposto, para toda sociedade galega. É por isto que apoiamos e solidarizámonos co profesorado que nun acto de dignidade persoal e de preocupación polo alumnado e pola cultura galega vai seguir impartindo as súas clases en galego.
Unha iniciativa que rompe tópicos e prexuízos. Galegos e galegas de todas as partes do mundo veñen de lanzar un manifesto vivencial: o galego é útil.
 |
Isto que estás a ler é un manifesto espontáneo, vivo, interactivo, libre de ideoloxía e afiliación política, co que os abaixo asinantes pretendemos, desde a nosa humilde experiencia no estranxeiro, desmentir o mito de que “o galego non vale para nada” ou “só serve dentro de Galicia”.
Todos os idiomas valen e para moito.
A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante:
- O galego facilitounos a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras línguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticáis.
- A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas).
- No estranxeiro, o feito de falar galego e polo tanto comprender o portugués deunos unha vantaxe competitiva frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa.
Por estas tres razóns prácticas, concluímos, sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non.
Londres, 1 de abril de 2009
|
Máis experiencias valiosas, no blogue Peneiras.
Máis reflexivo, este artigo de Freixanes.
| Os recentes datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza referidos aos usos (do ano 2004, mais publicados agora) -datos que amosan un notábel aumento das persoas que nunca falan en galego, parello ao descenso dos que realizan un uso pleno da lingua galega- botan por terra as visións deformadas e manipuladoras da presenza das dúas linguas no ensino.
Segundo o estudo, hai mozos que recibiron todo o ensino en castelán, en contra da lexislación aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. En concreto, o 10,7% asegura que recibiu todo o ensino en castelán e o 85% maioritariamente en castelán. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%. Entre os que empregan máis o castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas chegan a 63,1 puntos a favor do español. Non hai dúblida: o ensino continúa a ser un firme axente castelanizador. O Decreto actual, do 2007, que establece os mínimos de uso do galego no 50%, é cando menos imprescindíbel. |
 |
Diante de tal fracaso educativo, calquera modificación lexislativa no ensino que faga recuar eses mínimos devén unha agresión á lingua e ao conxunto da sociedade.
E é que hai obviedades que non se poden agachar:
- - A actual lexislación responde fielmente ao Plan Xeral de Normalización aprobado por todas as forzas políticas. Que as familias poidan elixir non coñecer o idioma propio (!) supón atentar contra a propia Lei de Normalización Lingüística.
- - A actual Lei de educación, a LOE, recolle claramente o obxectivo de capacitar para a comunicación nas dúas linguas oficiais na mesma medida, o que é imposíbel de lograr se non hai unha ampla presenza no ensino da lingua minorizada (o galego).
- - A normativa europea, en particular a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias, incide no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas, e salienta a necesidade de adoptar estratexias de desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. A Consellaría de Educación ten obriga de adaptar a lexislación galega á normativa europea que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego.
- - Unha das competencias profesionais no ensino é o desenvolvemento plurilingüe do alumnado, no marco dos obxectivos europeos, o que se leva a cabo con efectividade real se hai un amplo uso escolar da lingua galega.
- - Un ensino plurilingüe (e o actual decreto é o mínimo para tal cousa) supón evidentes e contrastábeis vantaxes para o alumnado ao desenvolverse cognitivamente: mellora das destrezas psicolingüísticas e intelectuais e do pensamento diverxente, unha orientación analítica, unha maior sensibilidade ante os sinais do contexto social na comunicación…, e máis recursos e habilidades para a aprendizaxe de novas linguas. E na sociedade actual as competencias comunicativas desenvolvidas neste modelo de ensino son fundamentais. Hai múltiples estudos que confirman isto: Herdina e Jessner, Cummis, Lambert e Tucker, etc.
- É evidente que o coñecemento e uso da lingua galega ten de seu, máis alá dos valores de identificación, unha innegábel utilidade social (tal como recolle, de maneira moi básica, Fernán Vello), polo que é incomprensíbel que poida ser privada de tales vantaxes unha parte da poboación escolar.
|
 |
Convén lembrar o que se recollía no Manifesto Ensino en galego (do 2007), apoiado polas catorce organizacións máis importantes da nosa comunidade educativa:
O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas. (…)
A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.
Máis datos sobre o Mapa Sociolingüístico, no blogue de Carlos Callón. Hai que ter en conta que este segundo volume do Mapa sociolingüístico recolle os hábitos lingüísticos só da poboación de entre 15 e 54 anos e na mostra ten máis peso a poboación urbana do que tivo na anterior edición (do 1992), mais, en calquera caso, confírmanse con rotundidade as tendencias desgaleguizadoras provocadas pola imposición, esa si real, do español. Cómpre dar pasos cara adiante.
ENDL do IES d’A Pobra
Olark Livehelp
|
|
Comentarios recentes