Arquivos

Nube de etiquetas

O claustro do noso IES opina

O claustro do Ies da Pobra do Caramiñal aprobou, segundo votación realizada na reunión do día 16 de novembro de 2010, por maioría absoluta (34 votos a favor, 13 abstencións e 5 en contra) que quere manifestar a súa solidaridade co alumnado e profesorado que puidesen resultar afectados polo seu rexeitamento ao decreto de plurilingüismo.

Tomamos esta postura baseándonos nos seguintes argumentos:

1. Consideramos que este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado. É lesivo porque a pesares de que desde a incorporación do galego ao ensino se produciu un significativo avance na competencia oral e escrita; e aínda co paulatino avance do uso do idioma galego como lingua vehicular no ensino, non se impediu a alarmante diminución de galegofalantes nas últimas décadas. O decreto aprobado, lonxe de corrixir, agravará esta situación, pois céntrase nun pretendido “equilibrio” entre ambas linguas no sistema educativo, esquecendo o forte desequilibrio en contra do galego no resto dos ámbitos.

2. As consecuencias do decreto son especialmente graves na etapa infantil, pois significará que en contornos urbanos e vilegos o contacto dos nenos e nenas co galego sexa practicamente anecdótico

3. Este decreto supón, na práctica, o desterro universal do galego de amplas áreas do coñecemento, singularmente as Matemáticas, Física e Tecnoloxía, e bota por terra todo o esforzo desenvolvido durante todos estes anos tanto na elaboración de materiais didácticos e construción de vocabulario específico (que se non é nas aulas dificilmente será adquirido noutros ámbitos) como na superación de prexuízos para seren utilizados.

4. Como consecuencia deste decreto, diversas editoriais xa se teñen posto en contacto cos departamentos afectados para anunciar que non publicarán material didáctico en galego para estas disciplinas. Isto contrasta coa ampla presenza que, no pasado, tiña o material escrito en castelán nas areas que tiñan que ser impartidas en galego.

5. Con esta nova norma aliméntase o prexuízo instalado en parte da sociedade de que o galego non é apto para ser usado en determinados ámbitos do coñecemento, que ademais son os de maior prestixio social na actualidade.

6. A nova normativa complica a vida organizativa dos centros, apartando os esforzos dos verdadeiros problemas pedagóxicos, e trasladando á comunidade educativa unha absurda guerra entre linguas.

En definitiva, este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado, para o idioma galego, para a industria cultural do País, para os pais e nais, para os centros, para a docencia, para o profesorado implicado e, por suposto, para toda sociedade galega. É por isto que apoiamos e solidarizámonos co profesorado que nun acto de dignidade persoal e de preocupación polo alumnado e pola cultura galega vai seguir impartindo as súas clases en galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O que vai supoñer o decreto contra o plurilingüismo

Por primeira vez na nosa historia democrática, un decreto sobre as linguas no ensino:

Neste contexto, que será agravado agora coa aprobación dun decreto de centros plurilingües demagóxico (véxase o borrador), enviamos ás familias esta presentación elaborada pola Coordinadora de Equipos, acompañada dunhas notas:

Aos pais do alumnado do IES da Pobra do Caramiñal

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística quere poñer en coñecemento das familias os novos condicionamentos educativos impostos polo Decreto do Plurilingüismo aprobado recentemente. E considera que a mellor maneira de facelo é difundindo este díptico elaborado pola Coordinadora Galega de ENDLs, conformada por profesionais do ensino que traballan polo desenvolvemento das competencias lingüísticas no alumnado.
Este decreto reduce, sen atender as indicacións da Lei de Normalización Lingüística nin a contundente desautorización do Consello Consultivo de Galicia, a presenza da lingua galega en todas as etapas do sistema educativo, con consecuencias moi graves. A principal, entre moitas outras, a manifesta imposibilidade de desenvolver de maneira suficiente e idéntica co castelán, tal como esixe a Lei Orgánica de Educación, a competencia lingüística en galego. E, consecuentemente, a diminución de destrezas para a aprendizaxe de novas linguas e, en xeral, para a comprensión do mundo.
É por iso que a inmensa maioría das entidades educativas rexeitan este decreto, tamén a prestixiosa Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), docentes que agora estarán obrigados a empregar o castelán en materias científicas como Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía, “o que vai en contra de todo argumento pedagóxico”, contribúe a estender funestos prexuízos e crea conflito nos centros.
En definitiva, as razóns educativas recollidas no folleto informativo que enviamos pretenden facer consciente a toda a comunidade das preocupantes determinacións que en materia lingüística van actuar agora no noso IES e en todos os centros de Galicia, o que repercutirá sen dúbida nos resultados escolares.
Atentamente

E como está en cuestión a legalidade desta norma,

e como queremos atender primeiro as necesidades do alumnado e das familias,

e como en galego tamén se fai ciencia,

e con ciencia, transferencia e docencia, co galego valemos máis, que dixo o reitor da Universidade de Vigo,

o profesorado obrigado a empregar o castelán comprométese por milleiros a seguir educando en galego e está unido para non facer mercar libros de texto en van ás familias e trasladarlle ao alumnado material do centro, para compartir máis na rede as propostas e producións didácticas feitas con tanto esforzo e amor ao país, para chegar á sociedade con toda a forza da razón.

Máis:
Manifesto de APETEGA (Profesorado de Tecnoloxía)
Manifesto de ENCIGA (Ensinantes de Ciencia)
Declaración de AGAPEMA (Profesorado de Matemáticas)
Chuzame! A Facebook A Twitter

Postura de membros do ENDL ante o borrador do decreto

A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DA POBRA DO CARAMIÑAL

Ante a publicación por parte do Consello da Xunta das “Bases do decreto de plurilingüismo” e ante a convocatoria de folga xeral no ensino para o xoves 21 de xaneiro, membros do ENDL queren transmitir as seguintes consideracións.

  • Este borrador de decreto supón o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas lexislativas e de promoción do galego, tal como esixe o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, trasladándolle esta responsabilidade aos centros de ensino e ás familias.

  • Sen ningunha dúbida, a aplicación deste proxecto suporía crear conflitos e tensións na comunidade educativa, división social e diferenzas educativas que nos prexudicarían a todos.

  • Preténdese equiparar, como lingua vehicular do ensino, o galego, o castelán e o inglés. No caso das dúas linguas oficiais, é unha medida discriminatoria ao haber unha situación social de fonda desigualdade a favor do castelán. Pola súa parte, equiparar o inglés coas linguas oficiais é de dubidosa legalidade e traerá como consecuencia o incremento do fracaso escolar. Hai outras opcións, máis viables e efectivas, para mellorar as competencias en linguas estranxeiras, que, curiosamente, non se atenden e mesmo se reducen.

  • Ademais, de acordo cos estudos máis rigorosos, a competencia comunicativa do alumnado mermaría ao ser imposible acadar destrezas suficientes na lingua galega, base dun verdadeiro plurilingüismo. A Lei Orgánica de Educación establece que ao final de cada etapa educativa o alumnado debe desenvolver competencias parellas nas dúas linguas oficiais, obxectivo que non se cumpriría coa redución do galego ao 33% das horas lectivas como lingua vehicular que se recolle neste borrador.

  • Unha agresión á nosa identidade coma esta é aínda máis grave ao ser o propio goberno autonómico quen a realiza, cando está obrigado a manter a progresividade no amparo institucional ao idioma propio de Galicia, como recolle toda a normativa ao respecto, aprobada por consenso nestas últimas décadas, e cando os datos sociolingüísticos indican que se produciu nese período un acentuado retroceso no uso do galego como lingua inicial.

Por todo isto, diferentes membros do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística entenden que é preciso secundar a folga do día 21 e sumarse ás mobilizacións previstas para ese día.

A Pobra do Caramiñal, 19 de xaneiro de 2010

Membros do ENDL do IES da Pobra

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp