Dentro da escolma de 43 etnotextos que conforma polo de agora o Arquivo do Galego Oral que está a construír o Instituto da Lingua, atópase unha gravación realizada no Xobre en 1993, moi breve e que recolle de xeito desenfadado a crenza da Santa Compaña. Lingüisticamente non ten desperdicio, cun seseo marcado e unha palatalización esporádica dos -s finais que a xente nova xa non soe manter.
Dous primos falan sobre a guerra na Pobra do Caramiñal. O máis novo é fillo dun concelleiro socialista da Pobra fusilado no 1937, o outro fuxiu nun barco cara a Marrocos. O ambiente previo á guerra. Enfrontamentos e frustrados intentos de resistencia á sublevación. Detallado relato de feitos e casos da represión na vila e na comarca: asasinatos, torturas, malleiras e humillacións. A crueldade do grupo de falanxistas local e os asasinos vidos de Santiago e outros lugares. A actuación dos falanxistas locais noutros pobos. A garda civil. Algúns detalles do comenzo da guerra: as patrullas con escopetas; a chegada da columna dos sublevados; a invención das listas negras.
«…o pobre, que era un empleado do ayuntamiento, estaba malo do pulmón. Cando viñeron as forzas foise o home porque tiña medo pero como se encontraba mal regresou a casa. Súa nai, a pobre, que o veu mal, foille avisar ó cura. Dícese… dícese que veu o cura, confesouno ou non o confesou, iso non o sei, e dícese que él foi o que avisou aquí á guardia civil ou a falange de que el estaba na casa. O caso é que foron alí, e dícese, eu oíno, que [.....] deulle a pistola e díxolle: si no eres un cobarde pégate un tiro. Incluso dicen que a pistola, claro, non levaba peine ou non levaba balas. E él púxose a chorar. Entonces dixeronlle á nai, non sei si foi aquela noite ou así, que o iban a levar para o hospital de Santiago. Xa sabes que a ese home levárono ahí a Moimenta, cortáronlle as súas partes, torturárono…
- Puxéronllas na boca»
Desenvolveuse no noso IES, ao igual que noutros 80 centros galegos, a Semana das Curtas, un ciclo de curtametraxes e videoclips que son unha boa mostra da creación audiovisual galega de hoxe en día. A iniciativa partiu do IES do Audiovisual de Vigo, así como a acertada selección do material, que incluíu diferentes temáticas e xéneros, con moito proveito educativo.
A difusión do noso cinema, de por parte, é aínda máis importante nestes días nos que as autoridades, empeñadas nunha política cultural destrutiva, veñen de pechar o espazo web social Flocos.tv, premio Mestre Mateo 2008 á mellor obra interactiva, que contaba con preto de 400 filmes e máis de 1800 membros rexistrados. Recomendamos ler ao respecto o artigo Abalar e Flocos.tv, do presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa.
Deixamos aquí unha escolma das curtas da Semana que se poden atopar na rede. Seguro que presta velas de novo, ao tempo que comentamos e votamos no blogue da actividade.
Bocas, o magnífico libro do noso profesor Xulio Gutiérrez (ilustrado por Nicolás Fernández), forma parte -desde xaneiro deste ano- do catálogo do selo alemán Gerstenberg, ao que se engadirá tamén en breve Nacer, outro volume de Xulio na colección Animais Extraordinarios, da editorial Faktoría K. Este último título, que nos marabilla, foi ademais finalista do Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción.
Ao noso wiki-recompilación, aberto a todo o mundo, que conta nesta altura con máis de 260 ligazóns útiles no labor diario na aula, vén de sumarse un espazo web creado pola CIG-Ensino con xa un bo feixe de propostas didácticas na súa estrea. Partillar, colaborar, organizar, abrir canles de intercambio, eis algunhas palabras clave na mellora do ensino, que ambas iniciativas comparten.
Pois nun só día suma mil e moitos orgullos no facebook e é a primeira campaña social, da xente: desde a súa páxina podemos descargar os seus materiais e achegar os nosos propios:
Esta campaña é túa, esta campaña é de todos e de todas. Colabora connosco e grava un spot, unha breve historia, unha declaración… mostrando o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego. Que non sabes como expresalo? A creatividade está dentro de ti. Aí tes o lema, os vídeos, a idea… e dálle voltas, faina túa, falade no colexio ou no instituto, cos profes e cos compas… e mostra o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego.
A Agrupación Cultural O Facho, convoca este concurso literario de relatos un ano máis dirixido á xente nova. Entre as súas bases, están as seguintes condicións:
Poderán participar rapaces e rapazas que presenten as súas obras en lingua galega. Os traballos deben ser orixinais e inéditos en toda a súa extensión.
Establécense dúas categorías: A (de 6 a 12 anos) e B (de 13 a 16)
Cada autor/a pode presentar unha obra que non sobrepase os cinco folios para a categoría A e dez folios para a B
Haberá dous premios por categoría, coa contía: 400€ – 400€ / 500€ – 400€
O prazo de admisión remata o 31 de marzo de 2010
As obras, encadernadas ou grampadas, levarán por detrás do último folio os datos do autor ou autora: nome e apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico (se o ten), centro de estudos e categoría na que participa.
A presentación de orixinais farase por correo postal dirixido á súa sede:
Esta película trata dun rapaz da India que se fai millonario a través dun concurso televisivo, que el utiliza realmente para recuperar a rapaza amada. Ao procurar a resposta a cada unha das preguntas, vai recordando a súa vida, iniciada nun contexto de marcada pobreza, no que sofre a perda da nai por motivos relixiosos e, a pesar diso, xunto con seu irmán, conseguen manterse por si mesmos.
Está baseada na realidade actual, aínda que sen mostrar as causas da miseria e a violencia, e transmite unha mensaxe optimista. Ademais, é quen de manter a intriga e conta cunha fotografía impresionante. Recomendámola.
A Asociación cultural Barbantia organiza unhas xornadas en homenaxe a Anxo Rei Ballesteros que se desenvolverán durante todo este mes de novembro. Dentro do seu amplo programa, recollido en imaxe ampliábel abaixo, inclúese -o día 20- a proxección do vídeo Feramente literario, realizado por alumnado do noso centro, ademais dunha mesa-coloquio na que participará o profesor Andrés Esteban.
Unha iniciativa magnífica que nos permitirá tamén asistir á presentación dunha novela inédita do autor, A noite do moucho, ou á do libro artesán O resto é silencio, con textos de Rei Ballesteros e gravados de Manuel Teira. As xornadas rematarán coa entrega dos Premios Barbantia da Cultura, e entre os finalistas figura a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da comarca, da que formamos parte.
A creatividade musical no Barbanza entre a xente nova segue abrollando con forza. Ao lado das bandas máis veteranas, caso de A compañía do ruído ou Tonhito de Poi e Rasa Loba, nacen e transfórmanse decontino outras. Entre elas, podemos recomendar a boirense Sínefres, dobre finalista do A Polo Ghit e de Nsaio no camiño.
Aínda máis novos son os integrantes da banda rapeira que podes escoitar a seguir. Sabes como se chaman?
(Pistas: son de Ribeira e esta peza leva un título en latín. Haberá que preguntarlle a Antón) Preme no botón para escoitar ou aquí para descargar
Sete grupos de todos os estilos recomendados por estes nosos locutores case profesionais. Coñécelos? [kml_flashembed movie="http://dinamizacaramial.blogaliza.org/files/2008/11/dewplayer.swf?mp3=http://blip.tv/file/get/Dplingua-RecomendacinsMusicais431.mp3" width="210" height="20" wmode="transparent" /] Descárgao
Comentarios recentes