Arquivos

Nube de etiquetas

Campaña colectiva contra a violencia de xénero

As primeiras producións dunha secuencia de actividades en 4º PDC sobre a violencia de xénero.
Artigos + vídeos: Loreto, Qingqing



Chuzame! A Facebook A Twitter

“Arraigados y edificados en Cristo, firmes en la fe”


Con 4.017.763 de parados en España, o IVE recén subido, unha recente folga xeral, unha reforma laboral prexudicial para os traballadores e, con motivo da “Xornada Mundial da Xuventude” (JMJ) co lema de “ Arraigados y edificados en Cristo, firmes en la fe”, recibimos a visita do Papa en Madrid. Ignorando a nosa situación financeira, subvencionamos a visita do señor cunha cantidade de entre 47 e 54 millóns de €uros, sen contar as axudas do goberno central e autonómico e do concello, que custean a rede completa de seguridade e limpeza. Todo isto apoiado por todos os partidos políticos. Ademais, a celebración paralizará TODO o centro da capital durante a terceira semana de agosto de 2011, impedindo que os traballadores (xa sexan católicos, evanxelistas, musulmáns ou ateos) traballen durante toda esa semana, moitos perdendo diñeiro, o cal tampouco sobra agora mesmo.

Todos os problemas da economía mundial, a crise, o paro, a quebra das empresas, a xente sufrindo, familias apuradas, hipotecas por pagar…, todo esquecido durante unha semana na que se gastarán, como pouco, 47 MILLÓNS de €uros que poderiamos utilizar para axudar a eses 4.017.763 parados que hai actualmente en España. Unha semana na que os problemas financeiros do país son esquecidos e aumentados á vez.

Pero iso non é todo. Este mes de novembro o Papa visita Cataluña e Galicia. Aínda non se sabe o custo que terá en Cataluña, pero Galicia paga case 4 millóns de €uros; o que custaba anualmente o noitebús, servizo de autobús nocturno subvencionado pola Xunta, que protexía as vidas dos rapaces e rapazas que saen de festa polas noites e que foi suprimido pouco antes de coñecer o custo da visita do Papa.

Non é tempo de gastos superfluos. Ademais, na idade das novas tecnoloxías podemos escoitar ao Papa por videoconferencia.

SARA GARCÍA VARELA 3º A

Chuzame! A Facebook A Twitter

O que vai supoñer o decreto contra o plurilingüismo

Por primeira vez na nosa historia democrática, un decreto sobre as linguas no ensino:

Neste contexto, que será agravado agora coa aprobación dun decreto de centros plurilingües demagóxico (véxase o borrador), enviamos ás familias esta presentación elaborada pola Coordinadora de Equipos, acompañada dunhas notas:

Aos pais do alumnado do IES da Pobra do Caramiñal

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística quere poñer en coñecemento das familias os novos condicionamentos educativos impostos polo Decreto do Plurilingüismo aprobado recentemente. E considera que a mellor maneira de facelo é difundindo este díptico elaborado pola Coordinadora Galega de ENDLs, conformada por profesionais do ensino que traballan polo desenvolvemento das competencias lingüísticas no alumnado.
Este decreto reduce, sen atender as indicacións da Lei de Normalización Lingüística nin a contundente desautorización do Consello Consultivo de Galicia, a presenza da lingua galega en todas as etapas do sistema educativo, con consecuencias moi graves. A principal, entre moitas outras, a manifesta imposibilidade de desenvolver de maneira suficiente e idéntica co castelán, tal como esixe a Lei Orgánica de Educación, a competencia lingüística en galego. E, consecuentemente, a diminución de destrezas para a aprendizaxe de novas linguas e, en xeral, para a comprensión do mundo.
É por iso que a inmensa maioría das entidades educativas rexeitan este decreto, tamén a prestixiosa Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), docentes que agora estarán obrigados a empregar o castelán en materias científicas como Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía, “o que vai en contra de todo argumento pedagóxico”, contribúe a estender funestos prexuízos e crea conflito nos centros.
En definitiva, as razóns educativas recollidas no folleto informativo que enviamos pretenden facer consciente a toda a comunidade das preocupantes determinacións que en materia lingüística van actuar agora no noso IES e en todos os centros de Galicia, o que repercutirá sen dúbida nos resultados escolares.
Atentamente

E como está en cuestión a legalidade desta norma,

e como queremos atender primeiro as necesidades do alumnado e das familias,

e como en galego tamén se fai ciencia,

e con ciencia, transferencia e docencia, co galego valemos máis, que dixo o reitor da Universidade de Vigo,

o profesorado obrigado a empregar o castelán comprométese por milleiros a seguir educando en galego e está unido para non facer mercar libros de texto en van ás familias e trasladarlle ao alumnado material do centro, para compartir máis na rede as propostas e producións didácticas feitas con tanto esforzo e amor ao país, para chegar á sociedade con toda a forza da razón.

Máis:
Manifesto de APETEGA (Profesorado de Tecnoloxía)
Manifesto de ENCIGA (Ensinantes de Ciencia)
Declaración de AGAPEMA (Profesorado de Matemáticas)
Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha lingua para o futuro desde o pasado propio

Chuzame! A Facebook A Twitter

Postura de membros do ENDL ante o borrador do decreto

A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DA POBRA DO CARAMIÑAL

Ante a publicación por parte do Consello da Xunta das “Bases do decreto de plurilingüismo” e ante a convocatoria de folga xeral no ensino para o xoves 21 de xaneiro, membros do ENDL queren transmitir as seguintes consideracións.

  • Este borrador de decreto supón o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas lexislativas e de promoción do galego, tal como esixe o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, trasladándolle esta responsabilidade aos centros de ensino e ás familias.

  • Sen ningunha dúbida, a aplicación deste proxecto suporía crear conflitos e tensións na comunidade educativa, división social e diferenzas educativas que nos prexudicarían a todos.

  • Preténdese equiparar, como lingua vehicular do ensino, o galego, o castelán e o inglés. No caso das dúas linguas oficiais, é unha medida discriminatoria ao haber unha situación social de fonda desigualdade a favor do castelán. Pola súa parte, equiparar o inglés coas linguas oficiais é de dubidosa legalidade e traerá como consecuencia o incremento do fracaso escolar. Hai outras opcións, máis viables e efectivas, para mellorar as competencias en linguas estranxeiras, que, curiosamente, non se atenden e mesmo se reducen.

  • Ademais, de acordo cos estudos máis rigorosos, a competencia comunicativa do alumnado mermaría ao ser imposible acadar destrezas suficientes na lingua galega, base dun verdadeiro plurilingüismo. A Lei Orgánica de Educación establece que ao final de cada etapa educativa o alumnado debe desenvolver competencias parellas nas dúas linguas oficiais, obxectivo que non se cumpriría coa redución do galego ao 33% das horas lectivas como lingua vehicular que se recolle neste borrador.

  • Unha agresión á nosa identidade coma esta é aínda máis grave ao ser o propio goberno autonómico quen a realiza, cando está obrigado a manter a progresividade no amparo institucional ao idioma propio de Galicia, como recolle toda a normativa ao respecto, aprobada por consenso nestas últimas décadas, e cando os datos sociolingüísticos indican que se produciu nese período un acentuado retroceso no uso do galego como lingua inicial.

Por todo isto, diferentes membros do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística entenden que é preciso secundar a folga do día 21 e sumarse ás mobilizacións previstas para ese día.

A Pobra do Caramiñal, 19 de xaneiro de 2010

Membros do ENDL do IES da Pobra

Chuzame! A Facebook A Twitter

RAPACES

Somos moi afortunados. Os rapaces españois nacemos nun país rico, facilítannos unha educación e non traballamos. Noutros países os rapaces non teñen esa sorte; morren esfameados, non estudan, padecen enfermidades, sofren guerras sen saber os motivos…
Por que non podemos sacalos deses infernos?
Acaso non teñen dereito coma nós?
Estou segura de que se me deran a oportunidade de traer un, traeríao, e se fose unha ducia, tamén, pero non podo; non me deixan porque son unha nena, porque non podo facerme cargo. E eu pregúntome: e valo facer ti? Non. Vivimos unha sociedade de consumismo, gastamos, e gastamos, e gastamos máis e máis, pero, se en vez de comprar unha wii por reis, doáramos algúns cartos a Cáritas ou mandáramos unhas botellas de auga a África salvariamos a persoas, rapaces coma nós, coas mesmas meniñas nos ollos, co mesmo corazón no peito, co mesmo dereito a vivir, a disfrutar, a sentir felicidade e, coma todos os nenos, a xogar.

Hai moitos sitios onde viven rapaces,
pero aínda traballando e sufrindo,
sendo brancos, negros ou amarelos,
cargando fusís nas guerras,
ou morrendo de fame,
non deixan de ser
RAPACES

Sara García Varela (1º ESO B)

Ligazóns de interese:


Chuzame! A Facebook A Twitter

Berlusconi

berlusconi
Parece que a Italia non lle gusta a seriedade. Parece que a xente vota coma bebés, non polo mellor, senón polo máis gracioso. Quizais Berlusconi sexa o presidente, pero non deixa de ser o meu primeiro candidato para festas infantís.
Pensaban mal cando pensaron que sendo xa rico non se ten razóns para roubar cartos, olvidáronse de que o diñeiro nunca enche. Por se non lle chegase con iso, o presidente italiano anda a liortas con bailarinas e, onde se viron eses parlamentarios? En que estarían pensando?
Penso que é un pouco difícil chegar a escoller a un bufón como presidente, pero está visto que hai xente para todo. Agora aos italianos tócalles aturar a Berlusconi ata as próximas eleccións, e claro, ter ladróns de presidentes en épocas de crise non é tan gracioso.

Unha escolma da prensa:

Berlusconi alecciona a actrices e modelos para as europeas
“Pódoa apalpar, señora?”
Berlusconi pon patas arriba o sistema educativo italiano
As de dereitas son máis guapas, di Berlusconi
O populismo triunfa en Europa

Sara García Varela 1º B (E. S. O)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Galiza-galego=Galiza-cultura

cartazlinguas
GALICIA-GALEGO=GALICIA-CULTURA

Coidamos de especies en perigo, de espazos verdes, repoboamos fragas destruídas, loitamos contra a contaminación… Todo isto facémolo aínda sabendo que somos os culpables. Destruímos moitas cousas, coidamos tamén moitas delas. Por qué non coidamos a nosa cultura? Por que a rexeitamos? Por que apartamos o galego? Por que o tratamos como unha lingua para paletos? Se matamos o galego matamos a nosa cultura. Estaremos esquecendo un dos máis importantes legados dos nosos antepasados.
Dentro dalgúns anos gustaríame poder poñer no currículum que falo galego, e que este dato fose relevante. Gustaríame que os meus fillos puideran dicir «son bilingüe´´ sen ter que estudar idiomas. Porque á pregunta de “Cantas linguas falas?” se pode contestar 5 ou tan só 4. Porque o galego quizais non sexa a miña lingua materna, pero pode ser a MIÑA lingua.
Eu sei que restar non é bo, e tamén sei que se restas unha parte a unha cultura, esta queda incompleta. Salvemos o galego. Fagámolo polos nosos antepasados galegofalantes, polo noso patrimonio, polos nosos fillos e para brillar como galegos, non só como españois de Galicia. Porque España é diversa e nós somos parte desa diversidade.

Sara García Varela 1º ESO B

Chuzame! A Facebook A Twitter

Demandas ante a imposición da dominancia

tertulia2

Membros do ENDL do noso IES veñen de sumarse, logo de adherírense ao manifesto da Coordinadora Galega, ás demandas promovidas desde o mundo sindical diante das intencións galegófobas e discriminatorias do novo goberno, confirmadas agora polas primeiras medidas anunciadas e por nesgadas declaracións .

É certo que non se soubo ou non se puxeron os medios necesarios para explicarlle á sociedade os múltiples e incontestábeis beneficios dun ensino cunha ampla presenza da lingua minorizada. Mais, a determinación dos novos dirixentes amosa unha postura lingüicida que nos retrotrae a outros tempos: aos dun ensino que desaproveita o desenvolvemento de destrezas psicolingüísticas e que se converte nun potente axente castelanizador e de espallamento de prexuízos redutores. Non hai máis opción, logo, que posicionarse claramente, como o está a facer a Confederación Galega de APA’s ou como recolleron as conclusións da Semana Galega de Filosofía, centrada este ano na educación.

Que desde Europa teñan que vixiar o cumprimento da Carta europea das Linguas Minoritarias é ben sintomático.

Coordinador do ENDL do IES da Pobra

Chuzame! A Facebook A Twitter

EL É O CAMBIO

Din que o novo presidente estadounidense, Barak Obama, vai cambiar por completo os Estados Unidos; din que cambiará o seu escaso pacifismo e que se converterá nunha nova nación en canto ao quecemento global… Eu penso que xa houbo un cambio, Barak Obama é o cambio, é o cambio máis importante se temos en conta que cando os nosos pais eran rapaces, só pensar que un negro chegara nese país algún día a ser presidente era totalmente inaceptable. Pero agora podemos ver que Estados Unidos deu o primeiro paso, e foi de xigante.

As razóns? É un bo candidato e meréceo. E respecto aos que non están de acordo tan só pola cor da súa pel, hai que dicir que esas persoas viven no século pasado e algún día terán que admitir que non tiñan razón. Ou é que Barak Obama non ten os mesmos coñecementos ou habilidades que calquera outra persoa preparada para ser presidente? É que non ten dereito porque a súa pel sexa distinta?

A resposta é fácil e por iso Barak Obama foi elixido o novo presidente dos Estados Unidos de America.

Por: Sara García Varela

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp