Arquivos

Nube de etiquetas

Máis Tabarra

dinamizacaraminalradiotabarraEste curso, desde a revista dixital do Centro pretendemos consolidar a dinámica de publicación aberta no último trimestre do 08-09, con presenza de boa parte das actividades que organizan os distintos departamentos do noso IES. Aínda que manteñamos as mesmas seccións, será a comunidade escolar en conxunto a que teña protagonismo nesta bitácora.
É por iso que abrimos un novo espazo específico para o labor do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, complementado pola canle de Radio A Tabarra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cuestións ante unha consulta improcedente

Como están a recoller practicamente todos os medios, a Consellaría de Educación vai realizar unha consulta ás familias sobre as preferencias no que se refire á presenza dos dous idiomas oficiais no ensino. Ante isto, convén facerse algunhas preguntas:

  • É legal e cabal unha consulta ás nais e pais sobre cuestións pedagóxicas encamiñadas á consecución de obxectivos previstos nas leis de referencia, en especial a igual competencia en galego e en castelán ao final da educación obrigatoria que establece a LOE? Non é o mesmo ca solicitarlle ás familias opinión sobre outras cuestións curriculares (se se debe impartir álxebra ou non, por exemplo)? Non está por enriba de opcións persoais o dereito do estudantado a ser competente en galego para logo poder elixir realmente?
  • É lícita unha consulta realizada para intentar lexitimar a derrogación dun decreto apoiado polo conxunto da comunidade escolar (incluídas as ANPAS maioritarias), implantado sen que houbese suficiente información sobre os beneficios intelectuais (maiores competencias para o alumnado) e sociais da ampliación da presenza da lingua galega nas escolas e cando, ademais, non houbo tempo aínda para avaliar resultados?
  • A postura da Administración non está clara de antemán ante os plans que se coñecen e cando presenta o documento en ambas as linguas, incumprindo a súa propia lexislación e baleirando de contido a institución autonómica?
  • Xa que se realizará a través do alumnado, que fiabilidade ha ter un papel que calquera pode cubrir? Están obrigados os centros a colaborar no que semella unha fraude (ou en todo caso pode selo)?

consultare

Un pouco de cordura, neste artigo do sociolingüista Henrique Monteagudo.

ENDL

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pola igualdade de dereitos

O noso Centro vén de posicionarse en apoio do Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego. Velaquí a súa presentación.

Por outro lado, a nosa participación no Correlingua vai ser masiva: uns 300 alumnos e alumnas acudirán á marcha lúdico-reivindicativa e aos actos posteriores que se celebrarán este martes 12 na Pobra e que van congregar uns 2.500 mozos e mozas de toda a comarca.

Ademais, individualmente, como docentes conscientes da necesidade de non desmantelar o marco legal consensuado que impulsa a presenza da lingua galega no ensino e o conseguinte desenvolvemento competencial, tamén podemos adherirnos ao Manifesto da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Demandas ante a imposición da dominancia

tertulia2

Membros do ENDL do noso IES veñen de sumarse, logo de adherírense ao manifesto da Coordinadora Galega, ás demandas promovidas desde o mundo sindical diante das intencións galegófobas e discriminatorias do novo goberno, confirmadas agora polas primeiras medidas anunciadas e por nesgadas declaracións .

É certo que non se soubo ou non se puxeron os medios necesarios para explicarlle á sociedade os múltiples e incontestábeis beneficios dun ensino cunha ampla presenza da lingua minorizada. Mais, a determinación dos novos dirixentes amosa unha postura lingüicida que nos retrotrae a outros tempos: aos dun ensino que desaproveita o desenvolvemento de destrezas psicolingüísticas e que se converte nun potente axente castelanizador e de espallamento de prexuízos redutores. Non hai máis opción, logo, que posicionarse claramente, como o está a facer a Confederación Galega de APA’s ou como recolleron as conclusións da Semana Galega de Filosofía, centrada este ano na educación.

Que desde Europa teñan que vixiar o cumprimento da Carta europea das Linguas Minoritarias é ben sintomático.

Coordinador do ENDL do IES da Pobra

Chuzame! A Facebook A Twitter

O futuro coa lingua

Os recentes datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza referidos aos usos (do ano 2004, mais publicados agora) -datos que amosan un notábel aumento das persoas que nunca falan en galego, parello ao descenso dos que realizan un uso pleno da lingua galega- botan por terra as visións deformadas e manipuladoras da presenza das dúas linguas no ensino.

Segundo o estudo, hai mozos que recibiron todo o ensino en castelán, en contra da lexislación aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. En concreto, o 10,7% asegura que recibiu todo o ensino en castelán e o 85% maioritariamente en castelán. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%. Entre os que empregan máis o castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas chegan a 63,1 puntos a favor do español. Non hai dúblida: o ensino continúa a ser un firme axente castelanizador. O Decreto actual, do 2007, que establece os mínimos de uso do galego no 50%, é cando menos imprescindíbel.

Diante de tal fracaso educativo, calquera modificación lexislativa no ensino que faga recuar eses mínimos devén unha agresión á lingua e ao conxunto da sociedade.

E é que hai obviedades que non se poden agachar:

  • - A actual lexislación responde fielmente ao Plan Xeral de Normalización aprobado por todas as forzas políticas. Que as familias poidan elixir non coñecer o idioma propio (!) supón atentar contra a propia Lei de Normalización Lingüística.
  • - A actual Lei de educación, a LOE, recolle claramente o obxectivo de capacitar para a comunicación nas dúas linguas oficiais na mesma medida, o que é imposíbel de lograr se non hai unha ampla presenza no ensino da lingua minorizada (o galego).
  • - A normativa europea, en particular a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias, incide no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas, e salienta a necesidade de adoptar estratexias de desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. A Consellaría de Educación ten obriga de adaptar a lexislación galega á normativa europea que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego.
  • - Unha das competencias profesionais no ensino é o desenvolvemento plurilingüe do alumnado, no marco dos obxectivos europeos, o que se leva a cabo con efectividade real se hai un amplo uso escolar da lingua galega.
  • - Un ensino plurilingüe (e o actual decreto é o mínimo para tal cousa) supón evidentes e contrastábeis vantaxes para o alumnado ao desenvolverse cognitivamente: mellora das destrezas psicolingüísticas e intelectuais e do pensamento diverxente, unha orientación analítica, unha maior sensibilidade ante os sinais do contexto social na comunicación…, e máis recursos e habilidades para a aprendizaxe de novas linguas. E na sociedade actual as competencias comunicativas desenvolvidas neste modelo de ensino son fundamentais. Hai múltiples estudos que confirman isto: Herdina e Jessner, Cummis, Lambert e Tucker, etc.
  • É evidente que o coñecemento e uso da lingua galega ten de seu, máis alá dos valores de identificación, unha innegábel utilidade social (tal como recolle, de maneira moi básica, Fernán Vello), polo que é incomprensíbel que poida ser privada de tales vantaxes unha parte da poboación escolar.

Convén lembrar o que se recollía no Manifesto Ensino en galego (do 2007), apoiado polas catorce organizacións máis importantes da nosa comunidade educativa:

O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas. (…)

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.

Máis datos sobre o Mapa Sociolingüístico, no blogue de Carlos Callón. Hai que ter en conta que este segundo volume do Mapa sociolingüístico recolle os hábitos lingüísticos só da poboación de entre 15 e 54 anos e na mostra ten máis peso a poboación urbana do que tivo na anterior edición (do 1992), mais, en calquera caso, confírmanse con rotundidade as tendencias desgaleguizadoras provocadas pola imposición, esa si real, do español. Cómpre dar pasos cara adiante.

ENDL do IES d’A Pobra

Chuzame! A Facebook A Twitter