Aquí vos presentamos os relatos gañadores do certame d’A Caramiña, para que poidades gozar deles neste tempo de lecer ou cando vos apeteza.
Categoría Paquebote: Alba Fernández Souto (IES da Pobra, 2º BACH), autora do relato Tralo esquecemento
Categoría Dorna: David Olveira Seoane (IES da Pobra, 4º ESO C) co relato A decisión correcta
Categoría Gamela: Antía Varela Torres e Yaiza Santamaría Pérez (IES da Pobra, 1º ESO D) polo seu relato Xogo perigoso
O alumnado de 1º BAC mergullou na historia da literatura (nos Séculos Escuros e no Rexurdimento) para presentar enriquecidos aqueles textos que consideraron máis atraentes. Velaquí unha escolma das súas producións, dos cartaces dixitais, das presentacións de diapositivas con audio, dos vídeos e das liñas do tempo.
Na xuntanza que tivo lugar hoxe no IES da Pobra do Caramiñal, o xurado dos premios do Concurso de relatos A Caramiña decidiu outorgalos ás seguintes persoas:
Categoría Gamela: Antía Varela Torres e Yaiza Santamaría Pérez (IES da Pobra, 1º ESO D) polo seu relato Xogo perigoso.
Nesta mesma categoría, o xurado acordou tamén facer unha Mención especial a Laura Pouso Garabato (IES da Pobra, 1º ESO A) polo texto As siluetas da carballeira.
Categoría Dorna: David Olveira Seoane (IES da Pobra, 4º ESO C) co relato A decisión correcta.
Categoría Paquebote: Alba Fernández Souto (IES da Pobra, 2º BACH), autora do relato Tralo esquecemento.
Moitas grazas a todo o alumando da Barbanza pola súa participación e por transmitirnos o alento preciso no camiño da nosa lingua e da nosa literatura.
Imaxes dalgunhas das exposicións abertas nesta Semana Cultural:
Primeiros pasos, de Amparo Fernández (Kaori), con obras desta ex-alumna, que está a rematar actualmente o bacharelato de artes en Compostela
Sentindo o mar (Unha historia de cronopios), unha aproximación ás vangardas e a Cortázar, que inclúe creacións do alumnado da Escola Infantil de Vilariño e mais do colexio Fernández Varela, ambos d’A Pobra
Especies ameazadas e Áreas mariñas protexidas, organizadas polo Departamento de Bioloxía con material do CEIDA
Expotabarra (a revista do IES ao longo do tempo), un percorrido pola memoria do centro desde os primeiros números, a multicopia, d’A Tabarra, ata as actuais edicións dixitais.
Abre os álbums. As súas imaxes pódense ampliar con dobre clic.
As mellores creacións deste proxecto interdepartamental, froito dun longo traballo previo por parte do alumnado de pescuda, lectura de imaxes, construción textual, etc., poden verse xa na exposición que ofrecemos a toda a comunidade, situada no patio cuberto do aulario I.
Cada imaxe ten aquí a súa propia historia, real ou imaxinaria, que se irían co vendaval do tempo se non as atraparamos cos nosos aparellos: a lingua de noso, as memorias compartidas, a nosa creatividade, as ganas de contar e dicir… e as novas tecnoloxías.
Recollemos nunha páxina específica desta revista algúns dos traballos realizados nas aulas coa poesía de Uxío Novoneyra. Intentamos ilustrar (con imaxes e sons) as referencias, centrais na súa poética, aos elementos do espazo natural, para ampliar o léxico e os coñecementos sobre a natureza, e mais para reforzar as suxestións do diálogo coa terra novoneyrano.
Tras asistiren os segundos da ESO á charla lúdico-didáctica de Brais Fernández sobre Uxío Novoneyra no Auditorio Valle Inclán, o segundo ciclo da ESO puido achegarse tamén dunha maneira especial ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas grazas á performance poético-recreadora de Serafín Marcos, sorprendente, suxestiva, sempre provocadora.
É este o título dun libro magnífico que 3º da ESO PDC estivo lendo e traballando no final do 1º trimestre. Agora preséntannos nos seus blogues un poema ilustrado e mais o seu autor. Velaquí a produción de Araceli:
Aproveitounos ben a visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña, organizada pola editorial A Nosa Terra dentro do programa de dinamización Bocaberta. Deunos algunhas receitas para bosquexar historias, compartiu experiencias de creación, mostrou algunhas claves da súa obra e ofreceunos unha estupenda demostración de creatividade. E, aínda por enriba, con participación constante. Velaquí a crónica de 1º ESO C:
O martes 24 de novembro, o grande escritor e ilustrador Anxo Fariña veunos visitar ao noso instituto.
Uns estabamos ilusionadísimos por el e outros tamén por perdermos clase. Diego Rivas pensaba que Anxo ía ser un vello e Miguel García cría que ía ser gordo e con lentes de vaso.
A charla empezou saltándolle a alarma de virus ao computador e todos rimos.
Ensinounos a crear historias a partir de algo tan sinxelo coma un punto e nós axudámoslle imaxinando historias.
Logo pediu un voluntario para debuxalo e o afortunado foi Rubén Blanco, de 1º A. (Que sorte, sempre lle toca todo a el). Todos escachamos a rir, e el estaba moi contento. Tiñamos moitas preguntas para lle facer, pero o tempo non daba para máis, que mágoa! Era o momento de voltar para as aulas. Aínda queriamos que nos asinase Os Megatoxos, pero eramos moitos, así que asinou uns poucos.
Foi fenomenal! Gustaríanos a todos que volvese porque estivo moi entretido.
1º ESO C
E que dixo o alumnado de 1º ESO B?
Gustoume moito, pero o que máis foi o debuxo (Marta Fernández)
Foi unha mágoa que non houbese máis tempo (Iván Míguez)
Gustoume cando inventamos os contos (Abna Muñiz)
Gustoume moito, sobre todo os debuxos que fai pola rúa (Daniel Nóvoa)
O que máis me gustou foron as escusas (Lucía Olveira)
Gustáronme as fotos (Paulo Otero)
Gustoume o novo título dos Megatoxos (Paula Castro)
Non me gustou porque non me regalou o terceiro libro (Salvador Pérez)
Gustoume moito porque había un virus no ordenador (Manuel Paz)
Non me gustou porque pola súa culpa perdín dúas bolsas de gusanitos (César Piñeiro)
Perdín o partido de xadrez e naturais (Damián García)
Comentarios recentes