Arquivos

Nube de etiquetas

1ª reunión cos membros do Equipo de 4º e 1º

Por fin nos reunimos este luns
Non nos cundiu moito pero saíron propostas interesantes para levar a cabo.
Sara García – coordinadora do boletín.
Laura García e ? (non lembro cal era a outra persoa, enviádeme o nome) – coordinadoras da iniciativa do baile.
Alba Pérez – coordinadora do Dicionario Visual no primeiro ciclo.
*As persoas interesadas en formar o grupo organizador do Lipdub deberán comunicalo.
Como proba dos que alí estivemos, aquí tedes a fotografía que enviou Sara Dorgambide.

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Goza cos relatos gañadores d'A Caramiña

Aquí vos presentamos os relatos gañadores do certame d’A Caramiña, para que poidades gozar deles neste tempo de lecer ou cando vos apeteza.
Categoría Paquebote: Alba Fernández Souto (IES da Pobra, 2º BACH), autora do relato Tralo esquecemento
Categoría Dorna: David Olveira Seoane (IES da Pobra, 4º ESO C) co relato A decisión correcta
Categoría Gamela: Antía Varela Torres e Yaiza Santamaría Pérez (IES da Pobra, 1º ESO D) polo seu relato Xogo perigoso

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Tabarra, en papel no XXV aniversario

Remata o curso e a nosa revista volve, nunha edición especial en papel e a toda cor, para conmemorar o XXV aniversario do centro e da propia publicación.
RECOLLÉDEA CANTO ANTES NA CONSERXARÍA!
NON AGARDEDES A QUE SE ESGOTE!
BOAS VACACIÓNS!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Expodisti

Unha presentación das principais correntes artísticas do século XIX e comezos do XX, acompañada dunha pequena escolma de obras, realizada polo alumnado de 4º PDC.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Multimedia para poesía doutros séculos

O alumnado de 1º BAC mergullou na historia da literatura (nos Séculos Escuros e no Rexurdimento) para presentar enriquecidos aqueles textos que consideraron máis atraentes. Velaquí unha escolma das súas producións, dos cartaces dixitais, das presentacións de diapositivas con audio, dos vídeos e das liñas do tempo.


Chuzame! A Facebook A Twitter

O conflito lingüístico con humor

Un traballo de Alba Fernández Souto a partir dunha proposta de Uxía

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coñecer, apreciar e ver criticamente a nosa vila

Desde a revista dixital do alumnado de xeografía de 3º de ESO, Penso,….logo actúo, podemos ver as creacións produto dun traballo sobre a nosa vila, con presentacións e vídeos que recollen a visión positiva e mais a crítica sobre o espazo urbano, así como unha moi aproveitábel exposición colectiva.

Un dos vídeos:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Campaña colectiva contra a violencia de xénero

As primeiras producións dunha secuencia de actividades en 4º PDC sobre a violencia de xénero.
Artigos + vídeos: Loreto, Qingqing



Chuzame! A Facebook A Twitter

Alumnado gañador do Concurso de relatos A Caramiña

Na xuntanza que tivo lugar hoxe no IES da Pobra do Caramiñal, o xurado dos premios do Concurso de relatos A Caramiña decidiu outorgalos ás seguintes persoas:

Categoría Gamela: Antía Varela Torres e Yaiza Santamaría Pérez (IES da Pobra, 1º ESO D) polo seu relato Xogo perigoso.
Nesta mesma categoría, o xurado acordou tamén facer unha Mención especial a Laura Pouso Garabato (IES da Pobra, 1º ESO A) polo texto As siluetas da carballeira.
Categoría Dorna: David Olveira Seoane (IES da Pobra, 4º ESO C) co relato A decisión correcta.
Categoría Paquebote: Alba Fernández Souto (IES da Pobra, 2º BACH), autora do relato Tralo esquecemento.

Moitas grazas a todo o alumando da Barbanza pola súa participación e por transmitirnos o alento preciso no camiño da nosa lingua e da nosa literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un longo camiño da man de María Xosé Fernández Cid

Velaquí o texto da celebrada intervención de María Xosé Fernández Cid, profesora do Centro desde o curso no que se inaugurou e ex-directora, no acto central da celebración do 25 aniversario do IES.

Sr. Conselleiro, Sr. Alcalde, Sr. Director, compañeiros, alumnas e alumnos e pais de alumnos. Síntome moi honrada de que o noso Director me convidara a participar neste acto.
Boa tarde a todos.

O que máis me gustou no colexio foi a química, as matemáticas e o latín. Decidín estudar química para dedicarme á investigación, pero por circunstancias persoais viñen para A Pobra no ano 1981. Tiven que abandonar a tese doutoral na que levaba traballando case tres anos. Máis adiante pensei en ser profesora, algo do que non tiña nin idea. Nin da profesión, nin de que me ía gustar tanto.

Despois de estar un ano en Pontevedra e outro en Carballo, cheguei a este Instituto cando tiña unha nena de catro anos e un bebé de un mes; hoxe esa nena ten unha nena de un ano e eu unha netiña preciosa. Xa hai anos que lle dou clase a fillos e fillas daqueles primeiros alumnos.

Xa pasei pola crise, hai uns anos, de pensar que os alumnos me verían demasiado vella, de que non podería ter “química” con eles. Acabei preguntándollelo. Dixéronme que a idade non importaba. Ufff, foi un alivio! (aínda pensando que eles tamén saben dicir cousas que soen agradables cando queren).

Fun criada en galego, no colexio non me permitían usalo. Tiven unha proba de galego para poder aprobar a oposición. Aquí empezamos a facer as actas en galego antes de que fora así por norma. Seguimos falando, cada quen, no idioma que lle petaba. Os meus alumnos botábanse a rir cando dicía mesmo “hai que faguer”, «ochenta e cuatro”, era así como se dicía na Teixeira. Aprendín a dicir “facer” e “oitenta e catro”. Reguláronse as horas de clase en galego. Hoxe estas xa son menos…

Pasou moito tempo, ou quizais moi pouco, polo moito que quixera facer e polo pouquiño que parece que fixen. Foi, en fin, unha vida.

En setembro de 1985 (aínda estaba o aparcamento cheo de material de obra), aquí había dous edificios, un deles cunha sala de profesores, cafetería, conserxería, un ximnasio, un taller de delineación que foi construído para automoción, e outro de sanitario. No outro edificio estaban as aulas, cunha biblioteca pequeniña, que nunca foi dotada, todo sexa dito de paso, e dous laboratorios. Un deles de Ciencias Naturais e outro de Física e Química, cunha chea de reactivos que nunca fixeron falta, mentres que outros moitos, así como diverso material, tivemos que ilos mercando pouquiño a pouco. Eses edificios foron deseñados por un arquitecto de renome, pero que debía pensar que na Pobra nunca chove, porque os portóns exteriores do primeiro edificio, que ocupaban practicamente toda a parede, eran de conglomerado. Nacía así o C.E.M. da Pobra do Caramiñal, despois fomos un I.E.S.

Comezamos co 1º ciclo de FP de sanitario e de delineación e co BUP (ese primeiro ano non tivemos COU). Hoxe non temos delineación, pero si dous ciclos da familia da Sanidade. Estaba vixente a Lei do 70.

Eramos 18 profesores e 190 alumnos. Daquel primeiro ano da Comunidade Educativa seguimos aquí Marta, Maneiro e eu.
Aumenta a familia e construíuse o Aulario III, e tamén un templete cunha altura duns 10 m (ou sexa, que non tapaba da choiva nin do sol) e unha torre e unha pasarela sobre o baleiro dunha altura equivalente a catro pisos. Cando amosamos a nosa preocupación ao Delegado de Educación daquel momento contestounos que igual que non caera ninguén da ponte de Rande, non tiña por que caer ningún alumno da pasarela.
Non nos concederon o 2º grao de FP, nin sequera o de Sanitario, que tanta demanda tiña.

Naceu a revista A Tabarra. Grazas Carlos Fabal por esa iniciativa.

Remodeláronse os talleres. Había que estar ao loro, porque os obreiros deixaban os escombros entre as dúas capas illantes das paredes.

A APA merca os primeiros ordenadores.

Participamos en moitísimas reunións locais para perfilar o mapa escolar da Pobra. Das distintas posibilidades que se barallaron, acórdase que se escolarice o alumnado de 1º e 2º da ESO no Instituto. Vai volver aumentar a familia.
Constrúese entón o AularioII e desapareceu, por fin, a pasarela. Como vaticinou o Delegado, non chegou a caer ningún alumno. Outra anécdota é que durante unha chea de días tivemos que mover ao alumnado do Aulario I ao III e viceversa en autobús.
Lembrando tantas obras, case sempre en pleno curso, quixera mandarlle desde aquí unha aperta enorme ao Sr. Alvela, da Unidade Técnica da Delegación, que tanto se preocupou por este labirinto de Centro.

Tamén loitamos polas lindes do recinto escolar.

Apareceron as axudas do Fondo Social Europeo, e con elas a dotación dunha aula de informática para os ciclos da familia de Sanidade.

Vendemos as máquinas de escribir……

Denégannos un ciclo de FP de tempo libre, despois de presentar un laborioso proxecto.

Implantamos a LOXSE, cambia toda a normativa, preparamos proxectos curriculares de diversas áreas xunto co profesorado de primaria que se incorporaría máis adiante ao Instituto, elaboramos o PEC, incorporáronse os alumnos máis pequenos e os seus profesores.

Chegou tamén a LODE e despois a LOE.

Por fin, despois de anos implorándoo de palabra e cunha morea de escritos, constrúese o que hoxe é a sala de usos múltiples, na que hoxe estamos (cando fixeran o proxecto do aulario II seica non correspondía dotarnos dun salón de actos), e a biblioteca, que tan acolledora está e tan ben a xestiona o profesorado responsable dela.

E aquí estamos, xa somos 61 profesores e 505 alumnos (xa temos estado 64 profes e 520 alumnos).

De oito grupos en 1985, pasamos a ter hoxe 21, conformados pola ESO, dúas modalidades de Bacharelato, un CM de Auxiliar de enfermería e un CS de dietética, con proxectos bilingües, medidas de atención á diversidade, proxectos europeos, unha chea de actividades, …

Isto constitúe algo da historia material do noso Centro, que é como é, pero é o noso. Que hai do resto? Supoño que non me corresponde a min a súa valoración, e probablemente non sería obxectiva.

Pero que é o que pasou dentro? Cousas boas e cousas malas. Estas últimas non importan, esquécense. Quedan as boas: tantos profesores que levan pasado por aquí e que se teñen implicado tanto, os que se trasladan a outros sitios, os que botas de menos, outros que xa non están con nós (ou si). Un recordo moi especial para os profesores Silvia, Fernando e Don Lu, tamén para Enrique, o conserxe, e para os que foron alumnos e tamén se foron. Todos temos partes de algos e de algúns.

E os alumnos e as alumnas que pasaron xa, os que están aquí hoxe e os que virán. Non é que sexades o máis importante. Simplemente sen vós nada disto tería sentido. Nin as paredes recheas de escombros, nin as pasarelas abismais, nin as explicacións, nin os problemas de Química, nin Rosalía de Castro, nin El Quijote, nin a lingua de Shakespeare, nin a segunda lingua de Maria Sklodowska Curie, nin alfa e omega, nin o relevo, nin Tomás de Aquino, nin as derivadas, nin a 3ª declinación, nin a 2ª República, nin o trazado de paralelas, nin a calidade dos alimentos, nin a construción de circuítos, nin o aerobic, nin a vida mariña en perigo de extinción, nin Activa a túa neurona, nin as reaccións no patio cuberto, nin o mural da torre da caldeira, nin as festas do Entroido, nin Un elefante na Pobra, nin as prácticas co moneco de Sanitario, que tantas risas nos fixo botar, non antes de darnos uns bos sustos aí, no taller, enriba da cama, facéndonos crer que era un home de verdade. Absolutamente nada do que nos trae aquí cada día tería sentido sen vós.

Como dicía ao comezo, non me fixen profesora por vocación. Fixéronme profe os alumnos. Aprendín e sigo a aprender con eles. Non perdo a esperanza e a ilusión, aínda que asiduamente desespere, de que eles aprendan comigo.

Hai algo que me gusta especialmente do meu traballo. Non ocorre moitas veces, pero o mellor son as miradas. Miradas de si, estou entendendo, si, estaste conseguindo comunicar comigo, si, estasme ensinando algo sobre disolucións saturadas. En fin, é un traballo que se basea na comprensión entre as persoas, e todo este formigón só serve para que estas persoas poidamos estar quentes e resgardadas da choiva mentres tentamos comprender e facernos comprender.

Como son unha das máis antigas do Centro, o equipo directivo pediume que falara. E ocorréuseme isto.

Moitas grazas a todos en nome de tódolos profesores do Centro e no meu propio por acompañarnos nesta celebración.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entre monólogos

Fragmentos da intervención dos gañadores da edición do Tíralle da lingua no noso IES: Daniel Buceta e Ramón Chaves.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Exposicións

Imaxes dalgunhas das exposicións abertas nesta Semana Cultural:

  • Primeiros pasos, de Amparo Fernández (Kaori), con obras desta ex-alumna, que está a rematar actualmente o bacharelato de artes en Compostela
  • Sentindo o mar (Unha historia de cronopios), unha aproximación ás vangardas e a Cortázar, que inclúe creacións do alumnado da Escola Infantil de Vilariño e mais do colexio Fernández Varela, ambos d’A Pobra
  • Especies ameazadas e Áreas mariñas protexidas, organizadas polo Departamento de Bioloxía con material do CEIDA
  • Expotabarra (a revista do IES ao longo do tempo), un percorrido pola memoria do centro desde os primeiros números, a multicopia, d’A Tabarra, ata as actuais edicións dixitais.

Abre os álbums. As súas imaxes pódense ampliar con dobre clic.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp